Emigrantes invisibles

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

ACTUALIDAD

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai dez anos fora coa miña amiga Neir á exposición La Colonia, na Universidade de Nova York, pensei no fermoso que era que alguén se dedicara a recompilar as imaxes dos españois que emigraran aos EUA había máis dun século.

Os investigadores daquela exposición, James D. Fernández e Luís Argeo, continuaron o seu traballo, e crearon unha pequena obra de arte en forma de libro chamada Invisible Immigrants. Nela deixaron constancia da contribución (aos dous lados do Atlántico) daqueles emigrantes-inmigrantes, e fixéronnos reflexionar sobre as razóns polas que as súas historias se converteran en invisibles.

Cando o ano pasado o Consello da Cultura e a Xunta trouxeran a Nova York a exposición fotográfica Os Adeuses (un emocionante relato sobre o momento de partida da emigración galega), os mesmos investigadores sacaron adiante a exposición As Benvidas, sobre a esperanza na chegada dos novos inmigrantes.

E hoxe, vendo Emigrantes Invisibles, o nome da exposición que acaban de inaugurar no Centro Conde Duque de Madrid, faime graza pensar no feito de que o seu proxecto orixinal (en inglés) chámase Invisible Immigrants, e na diferenza que hai, no noso país, no xeito de ver e imaxinar a un emigrante con respecto a un inmigrante, cando son a mesma persoa.

Emigrantes Invisibles é unha fermosa viaxe a través das vidas dos que tentaron reconstruír a súa idea de fogar nos EUA. Unha homenaxe á emigración, pero tamén á inmigración. Pois segue a ser unha cuestión de perspectiva: os emigrantes de aquí somos os inmigrantes de alí, e, a pesar de que nós seguimos a ser nós, o xeito co que nos definen os outros importa máis do que unha se imaxina...